#pasaxeiras

O cotián como unha viaxe irrepetible

O proxecto

A orixe

#pasaxeiras é un proxecto colectivo que ten a súa orixe nunha serie de retratos tomados por Aymará Ghiglione no tren. Co seu teléfono móbil, Aymará retratou durante meses os viaxeiros e viaxeiras que a acompañaban no seu percorrido diario de ida e volta en tren de Coruña a Santiago de Compostela. Estas fotos eran diaramente subidas á rede social Instagram co hashtag #passengers, tras o cal existe unha comunidade internacional de fotógrafos e fotógrafas instagramers que retratan a vida nos medios de transporte público.

De #passengers a #pasaxeiras

Coa intención de poñer de manifesto o carácter crítico e permanente que estas imaxes posúen nace #pasaxeiras: unha exposición colectiva na que participan un total de seis artistas provenientes de disciplinas tan variadas como a pintura, o audiovisual, a literatura ou a música e que parten destas imaxes para crear un mundo imaxinario, onde render unha homenaxe a estas persoas anónimas. Dun xeito cooperativo imos outorgalles a cada unha destas imaxes o tempo que o presente continuo das redes non lles permite, desenvolvendo todo o seu significado e dimensións, explorando as posbilidades artísiticas e narrativas que nos brindan.

A exposición

As fotos de Aymará acompáñanse dos cadros realizados pola artista Marta Paz, quen traslada as imaxes dixitais ao lenzo, dándolle unha vida diferente e un novo signifcado, cunha expresión distinta e complementaria.

Estas imaxes van, á súa vez, acompañadas polas pezas audiovisuais de Jose Lemur e Roge Fdez, as cales nos transmitien a experiencia dunha viaxe en tren, recreando a cotianidade dos sons, das imaxes fugaces que nel se producen e o paso do tempo dentro dese vagón que se erixe como unha paréntese común das nosas vidas. A exposición complétase cunha serie de microrrelatos de diferentes autores e autoras inspirados nos protagonistas anónimos das fotos e que fan que pensemos neles dunha maneira individual e tamén infinita, outorgándolles diferentes vidas. Laura Pernás complementa o conxunto cunha peza audiovisual de carácter intimista onde traballa coa idea da viaxe interior. O espectador convértese así nun voyeur aceptado, con liberdade para observar e inventarse as posibles historias que hai detrás desas pasaxeiras e dos seus xestos, rasgos físicos, vestimentas, etc. O deseño expositivo realizado por Beatriz Asorey xogará coa creación de atmosferas que axuden á inmersión e fagan partícipe ao público.

Pasaxeiras

Alguén faloume das papuxas, uns paxaros diminutos que para viaxar se guían polas estrelas. Dalgunha maneira, no planetario privado do seu pequeno cranio están escritas as rutas celestes e son as que seguen no seu periplo a terras africanas para pasaren unha invernía quentiña.

Non son os únicos animais cun planetario mental. Os escaravellos peloteiros viven tecnicamente entre a merda e a Vía Láctea, que seguen para saber onde dirixirse coas súas bólas de esterco nas escuras noites de non-luar.

Como xa adiviñaches hai tempo, papuxas e escaravellos son amigos da noite. As papuxas viaxan en bandadas numerosísimas, con apenas uns centímetros de separación entre un exemplar e outro. Nós antes viaxabamos así, lembras? Cando o meu nome era un gruñido e ti sabías sinalar os puntos cardinais case a cegas. Nas caravanas. Nas grandes migracións sen aduanas. Nas rutas antigas escarvadas no planetario privado do cranio.

Os trens son bandadas humanas.

Viaxan de día. Viaxan de noite.

Recolleitan á bandada. Fan sitio para todos. Lévana de aquí acolá.

Son espazos para observar caras. Para deslizarse polo arco nas cellas do tipo de aí diante, reparar no cómico xesto desa muller durmida, no libro que le a moza cunha man vendada, no rapaciño a merendar raiolas... pequenas faíscas humanas que non se venden co billete. Son gratis. Están aí diante.

O proxecto #pasaxeiras completa o billete de tren levándonos aos microcosmos de toda esa bandada humana a compartir vagón osíxeno, travesas connosco. Microcosmos reinventados por outra bandada de voyeurs, artistas e escritoras do outro lado.

Amores transiberianos, sospeitosas de Express d'Orient, olladas de esguello no Blue Train, teoría de cordas resolta nun Coruña-Vigo...

É só que o noso corazón metade papuxa metade escaravello peloteiro bota de menos orientarse polos raís do ceo ademais de polos da terra cando escurece. Na bandada disque sapiens do tren fáltanos o ceo estrelado. Aí si! Vagóns con teitos de cristal. Vagóns ás escuras. Pasaxeiras e pasaxeiros en penumbra baixo o sol nocturno da outra vía, a Láctea... Crimes, paixón, horror, retrasos, ecuacións imposibles, wifi gratis...

Mentres Adif vaino pensando, queres curiosear a algunhas papuxas desta bandada?

Estíbaliz... Espinosa

O cotián como unha viaxe irrepetible

Pasaxeiras é un proxecto interdisciplinario que conecta co imaxinario da “obra de arte total”. Dalgún xeito nútrese deste ideal, deste concepto que é quen de integrar diferentes pezas e elementos antagónicos. A colaxe aparece para relacionar as diversas técnicas e cruces temáticos que conforman un escenario onde a metáfora e a fragmentación son as protagonistas.

A organización e lóxica do proxecto introdúcenos nun “caos” de formas, textos, sons, percepcións e miradas, pero non nos devía do seu obxectivo orixinal: a orde e a clasificación dun fenómeno do cotián. Así, postúlase a viaxe nun tren de proximidade como unha experiencia única e irrepetible de cada día. E aquí atopamos a primeira grande achega deste proxecto: narrar esas experiencias, en apariencia pouco significativas, pero esenciais como comezo de todo relato.

Neste senso, pode parecer que só o tránsito é a idea-forza que rexe esta obra. Non obstante, aquí se poñen en xogo moitas máis cuestións. A viaxe aparece como grande metáfora ordenadora, permitindo a entrada das persoas protagonistas desa experiencia, e así comeza a diluírse para abrir paso a quen a viven e transitan. Neste punto irrompen os seres anónimos homenaxeados nos seus momentos de transición: mediante a captura única e irrepetible, reivindícanse os retratos dunha cotidianeidade ambiguamente íntima.

A postal, os sons e a atmosfera desta viaxe nada teñen que ver coa pose ou o clixé da proxección da nosa propia imaxe. É o momento de maior espontaneidade. O instante máis libre e soberano.

Descubrimos así unha viaxe que non recoñece lugar, nin espazo, nin obxectivo inmediato. Transfórmase sen máis nun “non-lugar”, nun limbo, nun tempo baleiro. As experiencias autoconstrúense nunha zona de fronteiras, nunha dimensión articulada entre a esfera pública e a privada, ese espazo ínfimo que divide o que “somos” e o que “debemos ser”.

No entanto, o que se desvelan son historias, pensamentos, formas, ritmos, que nada teñen que ver con outros momentos do ámbito práctico; esa praxe que nos recoloca nunha historia, nunha experiencia concreta, nun aquí e nun agora.

Pregúntome por que adoitamos negar esa experiencia. Desbotámola pola súa indefinición? Anulámola porque non constitúe nin un tempo produtivo nin un tempo para o lecer?

Este é un dos maiores logros desta multifacética obra: poñer en valor a dimensión do íntimo e do privado como práctica social, espontánea, non automatizada. Sabemos ben que reivindicando o privado recuperamos o político.

Existe a Outra nesta obra? Abofé que si.

Cada momento e cada espazo son percibidos pola outra. Unha outra que observa e pon de relevo o instante, porque tamén comparte ese tempo, esa dimensión e ese espazo común. Só a observación participante pode crear esa relación de outredade.

As artistas viaxantes instálannos no terreo compositivo do cadáver exquisito, da narración colaborativa.

O que obtemos desta obra é complexo e diverso. Tan complexo e diverso como o fenómeno en si.

O que nos queda é a grande satisfacción de reencontrarnos en experiencias colectivas e singulares, en experiencias irrepetibles, pero polas que podemos volver transitar infinitas ocasións.

Micaela Fernández Darriba